Que pasou nos plenos de investidura de Meaño, Cambados, Meis, Caldas de Reis e Vilaboa?
Por Oskar Viéitez
No Concello de Meaño, a decisión do Partido Socialista de non apoiar a ningunha outra candidatura permitiu ao Partido Popular que o seu candidato Carlos Viéites fose elixido alcalde. O PSOE non presentou candidatura á Alcaldía.
No Concello de Cambados a socialista Fátima Abal foi reelixida alcaldesa cun goberno en minoría que suma sete concelleiros xunto a Somos, están a dous edís da maioría absoluta. O PSOE quere que o BNG entre no goberno para deixar á oposición en minoría co PP e José Ramón Abal de Cambados Pode.
No Concello de Meis, a socialista Marta Giráldez Barral foi investida alcaldesa co apoio do BNG. É un cambio político que pecha unha etapa de 20 anos de gobernos do PP con José Luis Pérez á cabeza e que quixeron significar colgando unha bandeira arcoíris do balcón da casa do concello.
No Concello de Caldas de Reis, o socialista Juan Manuel Rey conseguiu reter a alcaldía e gobernará en solitario despois de que o BNG rexeitase tanto entrar na executiva local como un pacto da investidura. Finalmente tanto o PSOE, como o PP e o BNG votaron en urna polos seus respectivos candidatos.
No Concello de Vilaboa o socialista Francisco Costa foi elixido alcalde co apoio do BNG, cuxa portavoz, Ornela Fernández, facilitou a investidura a pesar de que aínda non chegaron a un acordo para reeditar o bipartito. Renovarán a negociación a próxima semana.