María Ramallo, con maioría absoluta, agarda que a Virxe do Carme a siga "acompañando" neste mandato
Por Redacción
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, xuraba o seu cargo con lealdade ao rei e coa intención de gardar e facer gardar a Constitución como norma fundamental do Estado.
Coa maioría absoluta na que conseguiu 15 dos 21 concelleiros da corporación, a alcaldesa lembraba no seu discurso que entramos na undécima corporación municipal e tivo palabras de recordo ao primeiro alcalde de Marín en democracia, no ano 1979, José Manuel Pierres "por ser o primeiro e a relación que tivemos".
A dirixente do Partido Popular convidou a non esquecer eses tempos e sinalou que grazas ao labor do entón Rey Juan Carlos I e a Adolfo Suárez o pobo puido lograr o seu anhelo de liberdade.
Ramallo lembrou tamén algunhas das datas crave nos 24 anos que leva na corporación, desde que Augusto Casal era alcalde. Tamén tivo palabras de agradecemento destinadas a Gonzalo Arís, que durante nove meses dirixira o Concello, e foi facendo repaso da súa traxectoria desde que se presentou por primeira vez á alcaldía en 2003 ata os tres últimos mandatos nos que obtivo resultados nas urnas que lle permiten gobernar, durante o próximos catro anos, cun número de concelleiros que nunca antes lograra unha forza política en Marín.
A alcaldesa finalizaba o seu discurso reafirmando que, a pesar de ter outras ofertas políticas, para ela nada supón máis honra que ser a máxima dirixente de Marín. A continuación encomendouse como nas tomas de posesión anteriores á Virxe do Carme, a patroa dos mariñeiros.
María Ramallo comezará o seu mandato cunha visita ao Porto de Marín este luns. Precisamente, José Benito Suárez Costa, o presidente da Autoridade Portuaria, asistía este sábado ao acto da toma de posesión.
Relacionadas:
-
A alcaldesa María Ramallo visita a Autoridade Portuaria e distribúe áreas de goberno
Por Oskar Viéitez |
-
María Ramallo recoñece que "nin nos mellores soños" esperaba unha maioría tan aplastante
Por Alejandro Espiño |
-
Unha imbatible María Ramallo leva ao PP a unha nova e incontestable maioría absoluta
Por Redacción |