Félix Juncal renova como alcalde de Bueu coa actitude e a ilusión "intactas"
Por Redacción
Félix Juncal continuará gobernando Bueu durante o próximos catro anos, grazas ao apoio do concelleiro Xulio Villanueva, de Asemblea Cidadá de Bueu-Mareas locais (ACB), que apoiou a súa investidura no pleno celebrado este sábado ás 11.00 horas no Concello.
O alcalde reelixido, portando un exemplar de 'Sempre en Galiza' de Castelao, prometeu o seu cargo cunha fórmula alternativa, na que omitiu as alusións ao rei e á Constitución: "prometo pola miña conciencia e honor cumprir fielmente as obrigas do cargo de alcalde con lealdade ao pobo de Bueu e, por susposto, ao pobo galego".
No seu discurso de investidura, Juncal fixo unha mención persoal ao concelleiro Xulio Villanueva e mostroulle un especial "agradecemento. Espero non decepcionalo" para engadir que mantén a actitude e a ilusión "intactas".
Félix Juncal lembrou que é a quinta vez que é proclamado alcalde pero afronta esta nova etapa "coas mesmas ganas e ilusión da primeira vez, hai 16 anos", no ano 2003.
Do último mandato destacou a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), "un instrumento tras o que entramos de pleno nun novo horizonte para o sector urbanístico de Bueu"; a cancelación da débeda financeira e a incorporación da administración electrónica, entre outras. Como retos de cara ao futuro quere levar a cabo a aplicación de estratexias que teñan en conta a sustentabilidade do planeta, o medio ambiente e o aforro enerxético".
Finalizou a súa alocución cun agradecemento a todas as persoas "que a diario contribuídes á impulsión dos nosos soños e a que Bueu siga medrando e afianzándose como unha vila da que todas e todas temos que estar orgullosas".