Os bombeiros de Vilagarcía evitan que un incendio nun soto de Moraña afecte a un depósito de 2.000 litros de gasóleo
Por Redacción
Ás 5:15 desta madrugada do xoves 20, os Bombeiros do Parque de Vilagarcía tiveron que acudir a sufocar o incendio que se rexistrara no soto dunha vivenda unifamiliar en Saiáns na parroquia do Coveo no concello de Moraña.
No baixo do inmoble encontrábanse almacenados produtos de labranza, viño e augardente nunha zona na que, por causas aínda por investigar, se orixinou o incendio. O traballo dos bombeiros centrouse en evitar que as chamas alcanzasen ao depósito de 2.000 litros de gasóleo que se encontraba situado no soto, ademais de evitar que o lume se estendese cara ao piso da vivenda.
Durante máis dunha hora, segundo explicaron os bombeiros, realizaron os traballos para a extinción das lapas ata que conseguiron controlalo e, entorno ás 6:30 da madrugada, o lume quedaba completamente extinguido.
Non se produciron danos persoais e ata o lugar, segundo informou o Servizo de Emerxencias do 112, trasladáronse efectivos da Garda Civil e Protección Civil, ademais dos Bombeiros de Vilagarcía.