Revolución na xunta de persoal do Concello tras as eleccións sindicais
Dous sindicatos que, ata agora non tiñan representación na xunta de persoal do Concello, foron os claros gañadores das eleccións sindicais celebradas este mércores e cuxo resultado deu un cambio absoluto na súa actual composición.
Nestas eleccións participaron 344 dos 407 funcionarios e persoal laboral con dereito ao voto, é dicir, un 84% do censo.
CSIF, con 80 votos, foi a forza sindical cun maior número de apoios. Seus serán tres delegados na próxima xunta de persoal, os mesmos que obtivo o recentemente creado Sindicato de Policías, que sumou 65 votos.
Pola súa banda, Comisións Obreiras, que nas últimas eleccións fora o sindicato máis votado, caeu ata a cuarta praza, ao quedar en 59 apoios. Cae, por tanto, dos seus catro delegados actuais a tan só dous.
UXT, que logrou 61 votos, tamén terá dous representantes, do mesmo xeito que a Agrupación de Funcionarios de Pontevedra (Afumpo), que perde dous dos seus catro delegados.
A CIG pecha a repartición de delegados ao obter un único representante grazas aos 26 votos recibidos entre o persoal municipal.
Os trece delegados serán Yolanda González, José María Campos e José Carlos Souto (CSIF), Jorge Pereira, José Moldes e Juan José Pérez (Sindicato de Policías), Juan José Graña e Lourdes Pardo (UXT), Antonio Millares e Vicente Ferrería (CCOO), Héctor Santaló e Beatriz Veiga (Afumpo) e José Ignacio Portas (CIG).