VÍDEO.- Un tráiler queda atrapado na rotonda entre Eduardo Pondal e Uxío Novoneyra
Por Anxo Lourido
Un tráiler de grandes dimensións pertencente a unha empresa de transportes internacional con sede en Portugal provocou que se cortase a rúa Eduardo Pondal ao tráfico durante varios minutos ao quedar atrapado na rotonda situada entre esta rúa, Virxe do Camiño e Uxío Novoneyra.
O vehículo, ao redor das 16.40 horas deste martes, circulaba por Eduardo Pondal coa intención de dirixirse cara a Campolongo. Ao chegar á rotonda comprobou que non podía superar o indicativo de altura e o condutor decidiu virar na glorieta. Con todo, tras varios intentos, o vehículo quedaba atrancado e provocou que caesen varias ramas da árbore.
Ata o lugar achegáronse varios axentes da Policía Local de Pontevedra, que indicaron ao condutor que a mellor solución era dar marcha atrás. Ao longo de 20 minutos, foi necesario realizar cortes temporais de tráfico tanto en Eduardo Pondal como en Uxío Novoneyra para que o vehículo puidese retroceder ata a anterior rotonda, na que conflúen as rúas Eduardo Pondal, Filgueira Valverde e Teixoeira.
Alí, o condutor, que baixou varias veces da cabina para facer cálculos, lograba virar e dirixirse cara á estación de autobuses.
Fontes da Policía Local indicaron que se presentará unha denuncia por acceder cun vehículo de grandes dimensións ao centro da cidade cando existen sinalizacións nas diferentes entradas ao casco urbano que impiden a circulación de tráileres.
Relacionadas:
-
Un camión provoca danos na ponte de Eduardo Pondal
Por Redacción |
-
Un tráiler non autorizado entra no centro e queda atascado en José Millán
Por Natalia Puga |
-
Tráfico intercepta en dous días a catro reincidentes conducindo co carné retirado
Por Oskar Viéitez |
-
Así se reparan os baixos da ponte da avenida de Vigo
Por Redacción |