O pacto de goberno, encamiñado: BNG e PSOE ven "base suficiente" para o acordo
Pontevedra terá goberno coaligado. Ninguén dubida que BNG e PSOE chegarán a un acordo para dirixir xuntos a cidade durante o próximos catro anos. E menos, despois das declaracións públicas dos seus líderes tras a primeira reunión pública entre ambos os partidos.
Os equipos negociadores encabezados por Miguel Anxo Fernández Lores e Tino Fernández escenificaron este martes o arranque formal dunhas negociacións que, segundo puido saber PontevedraViva, arrancaron xa hai días con contactos telefónicos e presenciais.
Neste primeiro encontro público, Fernández Lores estivo acompañado de Raimundo González, Anabel Gulías e Carme da Silva; mentres que Tino Fernández contou coa asistencia de Paloma Castro e Yoya Blanco.
Ambas as dúas partes teñen xa moi avanzada a constitución do futuro goberno e a sintonía na cuestión máis importante, a de conxugar os respectivos programas e proxectos, é practicamente total.
Así, entre continuas bromas e declaracións de agarimo mutuas, ambos confirmaron que existe "base suficiente" para chegar a un acordo. A partir de agora haberá contactos "permanentes" entre os dous partidos co obxectivo de asinar o acordo "canto antes" e se é antes do pleno de investidura do sábado, mellor.
Fernández Lores mostrou a súa confianza en que estas negociacións sexan "satisfactorias" para as dúas formacións de esquerdas e "fundamentalmente" para que Pontevedra "siga avanzando". Será, en todo caso, en base a un proxecto "común" de goberno que, segundo como están a ir estes contactos, " cremos que é posible".
O líder socialista lembrou que BNG e PSOE "xa gobernamos xuntos" e, unha vez que ambos os partidos iniciaron o camiño do diálogo, só queda "ir debullando as cousas", xa que ata agora, segundo dixo, falouse de "proxectos e programas" e, a partir de agora, "falaremos doutras cousas" como a repartición de áreas de responsabilidade.
Iso si, os dous portavoces quixeron deixar claro que esta negociación é un "tema entre os grupos municipais" de ambos os partidos e que o futuro do goberno que, ata agora, socialistas e nacionalistas compartían na Deputación, non influirá no seu desenvolvemento.
Lores e Tino Fernández sinalaron que "con independencia do percorrido das negociacións" ningunha das dúas administracións terá un alcalde ou un presidente do PP cos respectivos votos de PSOE e BNG.
Esta comparecencia conxunta evidenciou a boa relación que manteñen os líderes de BNG e PSOE tras un mandato que foi canto menos 'tormentoso'. O propio líder socialista explicou que nos dous últimos anos houbo un "achegamento" entre ambos que supuxo o apoio -ou polo menos o non rexeitamento- dos socialistas aos orzamentos municipais.
Relacionadas:
-
Carmela Silva, sobre o pacto entre PSOE e BNG na Deputación: "Gustaríame pechalo canto antes"
Por Manu Otero |
-
Así será o novo goberno municipal de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
BNG e PSOE rubrican un pacto de goberno baseado na "lealdade" e no "respecto mutuo"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O BNG negociará co PSOE un goberno en coalición
Por Alejandro Espiño |
-
O PSOE advirte o BNG que "en ningún caso" actuará como "comparsa" nun hipotético bipartito
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG, sen "data límite" para negociar co PSOE: "Non podemos andar con présas"
Por Alejandro Espiño |