Carmela Silva celebra o "cambio radical" de Ponte Caldelas nos últimos catro anos
Por Redacción
Case catro millóns de euros. Son os fondos que a Deputación de Pontevedra destinou a Ponte Caldelas, dentro do Plan Concellos, durante os últimos catro anos. Grazas a este investimento, segundo destacou Carmela Silva, o cambio que experimentou o municipio foi "radical".
A presidenta provincial acudiu este martes a Ponte Caldelas onde, na compañía do alcalde, Andrés Díaz, visitou tres actuacións financiadas pola Deputación: a humanización dos xardíns Xerardo Carballal, a mellora na contorna do colexio, a Galiña Azul, a ludoteca e o instituto e a ampliación das beirarrúas e a instalación dunha fonte no casco urbano.
"É máxico ver a transformación que viviu esta vila en catro anos, resulta sorprendente, e isto faise con moito traballo, con moito compromiso e con ideas claras", explicou Silva, que manifestou a súa confianza en que, durante o próximo mandato, Ponte Caldelas será un "referente" na provincia de Pontevedra.
Engadiu que o municipio ten un futuro "extraordinario" porque o seu goberno "está nas mellores mans" ao estar á fronte un PSdeG-PSOE que ten un "proxecto claro" para o seu pobo, baseado na modernización das infraestruturas e das comunicacións e cun programa económico que "non se circunscribe estritamente" ao centro, senón a todos os núcleos.
O alcalde de Ponte Caldelas destacou que "gran parte das cousas que se fixeron nesta vila" foi polo aporte de diñeiro da Deputación de Pontevedra, que veu a compensar a "asfixia total e absoluta" da Xunta de Galicia, administración á que lle pediu criterios "obxectivos" para o reparto de fondos aos concellos.
ACTUACIÓNS EN PONTE CALDELAS
Na humanización dos xardíns Xerardo Carballal xerouse un novo espazo de convivencia nunha parte da Praza de España, renováronse os servizos soterrados e repuxéronse os pavimentos de pedra e formigón, converténdose nun espazo aberto para o desfrute da veciñanza. Ademais, no casco urbano tamén se executou a ampliación da beirarrúa e a instalación dunha fonte.
Por último, a actuación para a mellora na contorna do colexio, a Galiña Azul, a ludoteca e o instituto está a comprender obras de barrido e limpeza, pavimentación, execución dun novo paso peonil, instalación de sinalización e marcado de zonas para o estacionamento.
Ao longo dos catro anos de mandato, Ponte Caldelas puido financiar un total de 40 obras a través da Liña 1 do Plan Concellos por máis de 1,5 millóns de euros. No que respecta á liña de emprego, este municipio puido contratar a 45 traballadores e traballadoras municipais.
Ponte Caldelas tamén foi beneficiario o Plan de Reequilibrio cun total de 305.698,76 euros para a humanización da Praza de España e do primeiro tramo da Avenida de Vigo.
Relacionadas:
-
Carmela Silva saca peito dos plans DepoRemse e Reequilibrio da Deputación: "Nunca se fixera tanto"
Por Natalia Puga |
-
O Concello de Ponte Caldelas incorpora 10 traballadores
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas presume de estrear "a mellor fonte luminosa de Galicia" na nova praza de España
Por Redacción |