Quince mozos de Ponte Caldelas traballarán na fábrica do Grupo Lear en Vigo
Por Redacción
As quince persoas formadas polo Concello de Ponte Caldelas para incorporarse á fábrica do Grupo Lear xa coñecen o seu novo lugar de traballo, a fábrica de produción de asentos para automóbil que a empresa ten en Valladares (Vigo).
O curso, que tivo unha duración teórico-práctica de 110 horas, culminou cunha proba realizada directamente en fábrica e agora dará paso a un primeiro contrato en prácticas de 15 días antes de pasar a formar parte de xeito definitivo do cadro de persoal de Lear.
O Concello contou coa colaboración da empresa Gi Group, que se ocupou de preseleccionar aos perfís máis axeitados e, a continuación, a formación foi impartida pola firma Equitalent en colaboración con cadros do Grupo Lear, garantindo así unha correcta asimilación dos contidos necesarios.
Durante a visita os responsables do Grupo Lear deron a benvida aos candidatos a pasar a formar parte do seu persoal e agradeceron a colaboración do Concello, subliñando que non é habitual que os concellos se impliquen deste xeito neste tipo de procesos.
O goberno local caldelán optou por este tipo de estratexia para fomentar a reinserción laboral dos veciños. Así, preselecciona a persoas desempregadas e empadroadas en Ponte Caldelas, ofrecéndolles unha formación gratuíta e adaptada ás necesidades de empresas da contorna a cambio de garantía de contratación para as persoas que superen o curso.
A iniciativa, cun custo de 10.450 euros, resulta moito máis efectiva en termos de reinserción en emprego de calidade que outras alternativas convencionais, como os obradoiros de emprego. Trátase do segundo curso destas características organizado neste mandato e o Concello, ante os resultados obtidos, ten intención de seguir traballando nesta dirección.
As instalacións do Grupo Lear producen diariamente 5.000 asentos, suficientes para equipar 1.500 coches. Na actualidade, traballa en exclusiva para a fábrica do grupo PSA de Vigo equipando os modelos de furgonetas K9 e os monovolumes C4 Picasso.