Máis de 400 profesionais do marketing dixital participarán no Congreso Fluor
Por Alejandro Espiño
A aposta do Concello pola coñecida como "economía creativa" levou a que Pontevedra sexa a cidade que acolla, os próximos días 13 e 14 de xuño, a primeira edición de Flúor, o Congreso Atlántico de Marketing Dixital. Esta cita, a máis importante do sector no noroeste peninsular, reunirá uns 400 profesionais.
Como avanzou PontevedraViva o pasado mes de maio, unha vintena de expertos en márketing de multinacionais como Microsoft, LinkedIn, New Balance ou Iberdrola, axentes e consultores de primeiro nivel, tendas online e influencers participarán como relatoras neste congreso.
Flúor, organizado polo Clúster de Comunicación de Galicia, ofrecerá dous días cheos de intercambio e networking entre os profesionais, con catorce conferencias, tres mesas redondas e cinco talleres prácticos. Todo iso, na sede de Afundación de Pontevedra.
Así, Daniel Scheidgen (New Balance) falará sobre como ofrecer campañas de publicidade novedoras, Pol Vilà (Filmin) explicará a maneira de abordar o márketing en plataformas de subscrición, Carlos Fernández (Iberdrola) tratará os retos que supoñen as redes sociais e Rosanna Blasi (LinkedIn) analizará a importancia de crear o teu perfil dixital.
Ademais, consultores de relevancia como Juan Luis Polo (Good Rebels), Javier Regueira (Branded Content), Tristán Elósegui ou Roberto Carreras (Voikers) abordarán temas como a análise de datos, como entender ao teu cliente, exemplos de éxito de tendas na internet ou as preferencias dos consumidores.
Os contidos abriranse tamén a temáticas de actualidade como as plataformas de televisión ou o papel dos influencers e asuntos de calado social como a igualdade de xénero e a diversidade na publicidade dixital
Sobre este último tema, haberá unha mesa redonda que analizará os estereotipos da publicidade e como compatibilizar a igualdade de xénero e a diversidade coa necesaria eficacia promocional e de vendas. Contará con Nuria Serrano, directiva da Axencia VCCP España; e tres expertas en publicidade de Galicia: Sonia Barros, Chío Infante e Zinthia Álvarez.
O programa completo deste congreso pódese consultar na súa web.
Relacionadas:
-
Metaverso, márketing consciente e criptomonedas: Flúor achega a Pontevedra as tendencias do mercado dixital
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
A segunda edición do Congreso Atlántico de Marketing Dixital Fluor, por videoconferencia
Por Redacción |
-
O Congreso Atlántico de Marketing dixital Flúor conclúe promovendo o interese, a utilidade e o impacto
Por Redacción |
-
O Congreso Atlántico de marketing dixital pon o foco nas experiencias e nas emocións
Por Noticia patrocinada |
-
Pontevedra, sede do maior evento de marketing dixital do noroeste peninsular
Por Alejandro Espiño |