Pepa Pardo, Gerardo Pérez Puga e Juan Manuel Muñoz, o 'equipo económico' de Rafa Domínguez
Por Alejandro Espiño
Pepa Pardo, Gerardo Pérez Puga e Juan Manuel Muñoz. Serán os tres edís do PP que coordinarán o traballo en materia económica e de xestión municipal. Así o explicou Rafa Domínguez, que sinalou que desde a oposición aumentarán o seu labor de fiscalización ao grupo de goberno para "velar" polos "intereses" dos pontevedreses.
"Aínda non hai un pacto de goberno, pero nós xa estamos a definir as nosas áreas de traballo para poder así comezar co noso labor", sinalou o líder popular.
Así, Pepa Pardo ocuparase da área de réxime interior, participación, persoal e xustiza e terá a situación laboral dos funcionarios e traballadores municipais un dos seus "principais asuntos" de preocupación durante estes primeiros meses.
Ademais, Pardo tamén exercerá como viceportavoz do grupo municipal do Partido Popular.
Gerardo Pérez Puga, pola súa banda, ocuparase dos asuntos en materia económica e de facenda. O seu perfil, segundo Rafa Domínguez, terá un papel "importante" na toma de decisións e o seu "perfecto coñecemento" da área permitirá aos populares ofrecer "alternativas" ás propostas "esgotadas" do BNG.
A área de contratación estará dirixida por Juan Manuel Muñoz e o seu obxectivo, segundo adiantou o líder do PP, será revisar "cada un dos contratos" que asine o goberno municipal, de forma que sexan os que "máis beneficien" aos pontevedreses.
Os populares asentan así as bases para o labor de oposición que desempeñarán durante estes catro anos, convencidos de que os pontevedreses cos seus votos "fixéronnos saber que estamos a facer as cousas ben e que temos que seguir por este mesmo camiño".
Relacionadas:
-
Rafa Domínguez conclúe a distribución de funcións entre os concelleiros do PP
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez exercerá como portavoz municipal do PP e resérvase a área de Emprego
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez confirma que o PP votará en contra da investidura de Lores
Por Alejandro Espiño |
-
Rafa Domínguez indica que o PP deu un paso "importante" para acadar a alcaldía dentro de catro anos
Por Anxo Lourido |