O BNG de Poio anima a reactivar a Plataforma da 308 para reclamar a reforma da estrada a Sanxenxo
Por Redacción
O atropelo acontecido esta semana nun paso de peóns da Barca que tivo como vítima a unha menor, que mellora favorablemente das feridas sufridas, provocou que o BNG de Poio reitere as súas denuncias ante a inseguridade que sofre esta estrada e reclama á Xunta de Galicia, administración responsable desta estrada, que realice as obras necesarias para mellorar a seguridade nesta vía que une Poio con Sanxenxo pola costa.
A formación nacionalista entende que a estrada se atopa mal sinalada, debido ao mal estado das sinalizacións e do pintado dos diferentes distintivos da estrada. Neste sentido, o BNG indica que o paso de peóns onde se produciu o atropelo mostraba esas carencias, ademais de tratarse dun tramo no que se producen grandes retencións de tráfico cun estado de deficiencias que poñen en perigo ás persoas que se desprazan por esa contorna.
Ao pintado deficiente suman a falta de iluminación e dunha sinalización conveniente, factores que converten este espazo nun punto negro nesta estrada.
Ante esta situación, o BNG anima a reactivar a Plataforma da 308, que comezaba as súas reivindicacións en 2011 para reclamar un proxecto en toda esta estrada. Grazas a esta presión lográbanse as obras de construción de beirarrúas en Samieira e Raxó.
O BNG defende, ademais, que a mellor alternativa á PO-308 sería a creación da vía de O Bao para que no futuro se ofreza un acceso aos núcleos máis importantes de poboación, ademais da rebaixa que se lograría nos tempos de acceso á autoestrada.
A conselleira de Infraestruturas Ethel Vázquez achegábase este venres a Sanxenxo e indicaba que a Xunta de Galicia está a investir máis de 17 millóns de euros na mellora da seguridade viaria da PO-308.
Relacionadas:
-
En novembro rematarán as obras de seguridade viaria na PO-308 ao seu paso por Raxó
Por Redacción |
-
A Xunta deu permiso en xaneiro a Poio para o repintado de dous pasos de peóns na Porteliña
Por Oskar Viéitez |
-
A reforma da rúa Progreso completarase tras o verán coas novas glorietas
Por Redacción |
-
A Xunta pide "prudencia" a Poio e que se implique "de forma real" na mellora da PO-308
Por Redacción |
-
Unha menor, ferida grave tras ser atropelada na Avenida da Barca
Por Diego Espiño |