O PP acusa a Lores de "engañar" os preferentistas porque o Concello só cancela contas simbólicas en NGB
Por Redacción
De máis de 15 millóns de euros depositados nas contas de NovaGalicia Banco, o goberno local ten previsto cancelar catro desas contas nas que figura un saldo de só 66.764 euros. Os datos achegounos o portavoz do Partido Popular de Pontevedra, Jacobo Moreira, que considera que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, "no está haciendo nada" en defensa dos afectados polas preferentes.
Moreira critica a actitude de Lores ao entender que intenta protagonizar e "sacar pecho" por un acordo plenario que partiu dunha proposta do PSOE. A cancelación das contas por esta cantidade de 66.764 euros, segundo Moreira, é "simbólica" e só supón un 0,43% do diñeiro que o concello de Pontevedra ten depositado en NovaGalicia Banco, segundo reflicten as contas a 31 de decembro de 2012.
O concelleiro de Facenda, Raimundo González, anunciara que a cifra que se ía cancelar correspondía a un millón de euros. Por iso, Jacobo Moreira indica que o alcalde está "intentado engañar a los afectados".
O voceiro municipal do Partido Popular indicou que a cancelación das contas non foi consultada co seu grupo e que, dende o goberno local, non se tivo en conta a proposta popular de realizar un convenio dende o Concello co Colexio de Avogados e de Procuradores para que os afectados poidan acudir aos tribunais.