A CIG denuncia que hai un dobre control nos rexistros do horario laboral nas empresas
Por Anxo Lourido
Delegados do sindicato CIG concentrábanse ante a Subdelegación do Goberno este xoves 6 para reclamar ao goberno do Estado a derrogación da reforma laboral e das modificacións dos puntos máis complexos do estatuto dos traballadores, ademais da mellora das pensións.
Marcos Conde, secretario comarcal do sindicato nacionalista, afirmaba que o Partido Socialista anunciou esa derrogación cando presentaron a moción de censura e na campaña electoral e, polo momento, aínda non levou a cabo medidas contra a precarización do emprego.
Desde a CIG denúnciase que a actual situación prexudica á clase traballadora e que un Parlamento con maioría progresista debe actuar para evitar estas condicións laborais. Neste sentido, apuntou que o 12 de xuño levarán a cabo unha concentración, organizada pola Asemblea de Mulleres de Pontevedra e do Salnés, nos centros hospitalarios para denunciar a precariedade laboral que se sofre na sanidade, sobre todo por parte das mulleres.
CONTROL HORARIO
Na asemblea previa á concentración deste xoves, os delegados sindicais amosaron o seu malestar co control das xornadas laborais que se está a levar a cabo nas empresas. "É un decreto vacío de contido", afirma Marcos Conde, que sinala a insuficiencia da normativa para regular os horarios. Nesta mesma liña, denuncia que se fan horas extraordinarias que non se pagan e que ás empresas lles sae máis barato o pagamento de sancións á contratación de máis traballadores.
Desde a CIG afirman que o Instituto Galego de Estatística cifra en 180.000 os traballadores galegos que recoñecen que traballan máis de 50 horas á semana. Se esa situación se regulase, afirma Conde, poderían crearse máis de 30.000 postos de traballo a xornada completa.
Este sindicato afirma que denunciaron ante a Inspección de Traballo a presenza de dobres controis dos horarios laborais nas empresas, co obxectivo de enganar á administración.
Alertan, ademais, de que coa chegada do verán, volverá a repetirse a situación dos anos anteriores no sector da hostalería no que abundan os contratos a tempo parcial, eventuais e de fixos discontinuos y en condicións precarias. Marcos Conde afirma que as xornadas de oito horas son "falsas" e os descansos semanais non existen.
Relacionadas:
-
A CIG acusa a unha empresa de transportes de represión sindical e acoso laboral
Por Manu Otero |
-
A CIG presiona na rúa o goberno socialista para que derrogue a reforma laboral e mellore as pensións
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A CIG demanda ao goberno de Sánchez un sistema público de pensións de garantía
Por Redacción |
-
A CIG fai un chamamento na Peregrina a que Pedro Sánchez recupere os dereitos da clase traballadora
Por Mónica Patxot & Redacción |