Os veciños de Eduardo Pondal quedan sen San Xoán por temor ás consecuencias dun accidente
Por Redacción
Este ano non haberá festa de San Xoán na rúa Eduardo Pondal. A directiva da Asociación de Veciños decidiu non celebrar a popular noite festiva debido aos problemas que se encontraron co endurecemento da lexislación encargada de regular eventos de alto risco, entre os que se encontran as cacharelas.
O caso é que as aseguradoras non se fan responsables dos danos que poida ocasionar o lume ou, nalgún caso, o prego de condicións destas aseguradoras non é asumible por esta asociación veciñal. E é que, segundo denuncia Luis Carballo o presidente deste colectivo nun escrito remetido aos veciños, ao tratarse dunha actividade de alto risco ao descuberto, a xestión da seguridade recae sobre os organizadores. Dende a organización entenden que resulta de máxima dificultade controlar a actuación dos asistentes e as consecuencias dos danos que se poidan orixinar durante a noite de San Xoán recaería sobre a responsabilidade civil dos integrantes da xunta directiva de xeito persoal. A lexislación establece que mesmo terían que responder co seu propio patrimonio. Por isto, reclaman que se produza un cambio na lexislación para que non teñan que afrontar estes riscos as entidades sen animo de lucro.
Ademais, segundo puido saber PontevedraViva, esta circunstancia súmase a que varios membros da asociación que se encargaban da organización da festa encóntranse este ano con obrigas persoais e profesionais que lle impiden desenvolver, como viña producíndose nos últimos anos, a cacharela de San Xoán no ámbito do albergue de Peregrinos.