Pontevedra manterá aberto o prazo ata o 20 de xuño para inscribir as fogueiras de San Xoán
Por Redacción
Desde este mércores 5 ata o xoves 20 deste mes, ás 13.00 horas permanecerá aberto o prazo para que as persoas interesadas inscriban as fogueiras de San Xoán para a celebración da tradicional festa da noite do 23 ao 24 de xuño.
As solicitudes terán que presentarse no rexistro xeral do Concello cos datos das persoas que organizarán o acto e faranse responsables da fogueira. Debe constar o nome, apelidos e copia do DNI, ademais da dirección e o compromiso de dispoñer dun teléfono móbil en pleno funcionamento, con indicación na solicitude dese número.
Segundo as normas establecidas polo Concello de Pontevedra, as fogueiras que se realicen no municipio deberán manter unha distancia mínima de 15 metros dos edificios e árbores. O diámetro máximo de zona de combustión será de 4 metros de ancho cunha altura máxima de 2 metros. Non se poderá concentrar público ao redor dun diámetro similar ao pau central da "cacharela".
Por outra banda, os materiais na combustión serán leña, ramas, toros de árbores e vellos materiais de madeira de calquera clase. Prohíbese o uso de pneumáticos, plásticos, latas, botellas, materiais con PVC e similares. Tampouco se poderán utilizar aerosois, aceites ou líquidos combustibles ou calquera outra substancia explosiva. Tamén se prohibirán as fogueiras que se queiran instalar baixo tendidos eléctricos ou telefónicos.
As vías públicas pavimentadas, xardíns ou zonas verdes tampouco se poderán empregar para instalar as fogatas. Por último, as bases lembran que as persoas organizadoras deberán acatar as normas que establezan os axentes da Policía Local ou do Corpo de Bombeiros.
Relacionadas:
-
Os veciños de Eduardo Pondal quedan sen fogueira de San Xoán
Por Oskar Viéitez |
-
As praias de Marín continuarán sen cacharelas este San Xoán
Por Redacción |
-
Sanxenxo só permitirá fogueiras en Agra, Nanín, Panadeira, Silgar e Caneliñas
Por Redacción |
-
Bueu abre o prazo para a solicitude de fogueiras para San Xoán e San Pedro
Por Redacción |
-
Presentada a programación das Festas de San Xoán 2019
Por Diego Espiño |