Xuño chega a Moraña con obras de humanización en Chan de Amil, Rebón e Outeiro
Por Redacción
Ata 315.000 euros inviste o Concello de Moraña nas obras de mellora viaria e humanización que realizará durante o mes de xuño en Chan de Amil, Rebón e Outeiro.
Os traballos veñen de adxudicarse e o inicio está pendente de pequenos detalles sobre as propiedades afectadas, como a situación dun muro ou unha tala de árbores. Ademais, no caso de Rebón comezarán despois do día 23 para non entorpecer as súas festas.
A mellora viaria no Outeiro, adxudicada a Covsa por 69.722 euros e que xa ten estaquillada a zona dos traballos, beneficia a un treito de 437 metros da pista que se dirixe cara A Torre no que se vai corrixir o perfil das curvas, o estado do firme, a deficiente sinalización e a drenaxe.
As obras vanse centrar no desmonte do noiro da marxe dereita e o aproveitamento dunha franxa lateral de terreo para incrementar os catro metros de anchura cos que conta actualmente a vía. Deste xeito, pretende dárselle unha dimensión constante a toda a calzada e favorecer a circulación simultánea nunha pista bastante utilizada pola veciñanza.
A mellora viaria e peonil en Chan de Amil, adxudicada a Nexia por 145.639 euros, é un proxecto que mellorará a pista que conecta todo o lugar e bordea a capela dos Milagres coa ampliación dos carrís, dotación de rigola de formigón, creación de sendas de 2,50 metros, pasos de peóns, reconstrución de muros e instalación de canalizacións.
Por último, a mellora viaria da parroquia de Rebón foi contratada a Covsa por 99.917 euros. Vanse mellorar 2,5 quilómetros das pistas de Rebón de Arriba, O Calvo e San Pedro e vaise empedrar e humanizar o acceso á igrexa.