Aberto o prazo para apuntarse o programa Cuntilín Verán
Por Redacción
Cuntilín Verán é o programa de lecer diario que o Concello de Cuntis destina aos escolares do municipio durante o verán para que as familias concilien a vida laboral coa atención dos menores.
O alcalde cuntiense Manuel Campos asinou un bando para establecer o período para solicitar prazas neste programa. O prazo estará aberto entre o 5 e o 20 de xuño e as solicitudes presentaranse no rexistro do Concello ou na sede electrónica.
As persoas que realicen a solicitude para estas prazas con número limitado deben achegar o volante de empadroamento, contratos ou certificados de empresa que acrediten a necesidade de conciliación e o xustificante de matrícula no curso 2018/19. Tamén, se se dá esta circunstancia, deberá achegar o xustificante de familia numerosa ou o informe da traballadora social se o menor presenta necesidades sociais ou educativas específicas.
As actividades de Cuntilín Verán desenvólvense nas instalacións do colexio Aurelio Marcelino Rey García, de luns a venres, durante as mañás do verán. Os menores practicarán diferentes actividades de lecer e realizarán excursións.