Pontevedra solicita un préstamo de 1,4 millóns de euros para financiar obras no rural
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal iniciou os trámites administrativos para solicitar un novo préstamo de 1,4 millóns de euros. Trátase dun diñeiro que o Concello utilizará para acometer os investimentos previstos no seu orzamento para 2019.
En concreto, destinaranse a obras de mellora da accesibilidade no rural. Ao diñeiro que recibirá desta operación bancaria, o Concello sumará outros 300.000 euros de fondos propios.
O alcalde, mediante un decreto asinado nos últimos días, aprobou o prego de cláusulas administrativas que rexerán a contratación deste préstamo.
O prazo desta operación fíxase en doce anos, cunha carencia de dous anos. O período de amortización, por tanto, será de dez anos.
As entidades bancarias que queiran ofertar este préstamo terán un prazo de quince días para presentar as súas propostas, a contar desde a publicación desta contratación no Boletín Oficial da Provincia.