Técnicos de Sogama impartirán unha clase de sostibilidade aos estudantes do Carlos Oroza
Por Redacción
Técnicos da empresa pública de xestión de residuos Sogama asistirán este martes 4 ao centro de hostalería e turismo CIFP Carlos Oroza de Pontevedra para impartir unha sesión formativa a ao redor de cincuenta estudantes desta escola situada na Cidade infantil Príncipe Felipe.
Entre outros temas, os técnicos explicarán ao alumnado a correcta xestión dos residuos, do principio europeo das tres erres: redución, reutilización e reciclaxe. Tamén se expoñerá como funciona Sogama e trasladaráselles información sobre o desperdicio alimentario, a contaminación derivada do uso de plásticos e a recuperación da materia orgánica a través da compostaxe.
A idea é sensibilizar aos estudantes en relación coas altas cantidades de comida que acaban no cubo do lixo. Segundo os datos que facilita Sogama un terzo dos alimentos que se producen mundialmente para o consumo humano acaba desperdiciado. E este fenómeno prodúcese, sobre todo, nos fogares particulares alcanzando un 42%. O pan, as froitas, as hortalizas e as verduras son os produtos que con máis frecuencia trasládanse ao lixo.
Os técnicos analizarán as fórmulas para evitar esta situación coa recomendación de facer listas previas antes de realizar as compras, revisar a neveira e a despensa para consumir sempre os produtos que levan máis tempo, axustar as racións ao número de comensais e aproveitar os restos para elaborar outros menús.
Sogama tamén trasladará a idea da elaboración de compost para restos non comestibles. O obxectivo é crear un abono natural con excelentes propiedades para o chan, que substitúa aos fertilizantes artificiais.
Actualmente, o Centro Carlos Oroza conta cunha illa de composteiros instalados pola Deputación Provincial a través do Plan Revitaliza.