Sanxenxo apúntase á 'licencia express' para axilizar os trámites urbanísticos
Por Redacción
Ofrecer unha maior seguridade aos veciños así como ao propio Concello de Sanxenxo na tramitación de licenzas urbanísticas é o obxectivo da ordenanza promovida polo goberno local que, ademais de actualizar a normativa municipal ao novo marco vixente no ámbito dos mecanismos de intervención administrativa, regula o procedemento xeral de tramitación deste tipo de autorizacións.
Con este documento, que este martes foi debatido na comisión especial de Urbanismo, preténdese axilizar os procesos e para iso deseñou instancias específicas correspondentes a cada unha das solicitudes que se poden cursar nas dependencias da Xerencia Municipal de Urbanismo. "Buscamos con elo axilizar as xestións que deben facer os veciños de xeito que os formularios que poremos a súa disposición a partires de agora serán máis fáciles de cumprimentar", asegurou a concelleira delegada desta área, María Deza.
Neste sentido, sinalou que o feito de que estea mellor recollida a información nas instancias evitará "que dende a Xerencia teñamos que facer requirimentos de documentación aos usuarios co que acurtaremos os prazos de outorgamento dos permisos". Outra das vantaxes coas que contarán os cidadáns é a posibilidade de descargar os formularios a través da páxina web do Concello de Sanxenxo.
LICENZAS DE ACTIVIDADE
María Deza adiantou tamén que a nova ordenanza, que nos próximos días someterase a consideración do Pleno da Corporación, contempla que con carácter xeral o exercicio de actividades no Concello de Sanxenxo non estará sometido á obtención de licenza municipal, bastando para dar inicio coa presentación ante a Administración local dunha comunicación previa, no modelo normalizado e aportando a documentación indicada.
Posteriormente, os servizos técnicos e xurídicos do Concello de Sanxenxo comprobarán, mediante unha inspección ao local, a información contida na comunicación previa especialmente no relativo a que a actividade desenvolvida e as condicións do propio local cumpren ou non as determinacións, requisitos e orzamentos legais. O resultado da visita será reflectida nun acta que se notificará ao interesado.
Iso si, aquelas actividades que afecten ao medio ambiente, ao patrimonio histórico-cultural, á seguridade e salubridade públicas ou que impliquen o uso privativo de bens de dominio público estarán sometidas ao procedemento de licenza previa.