Forzan a entrada do bar Rizos, "van directos a la caja" e lévanse 600 euros
Por Natalia Puga
Os ladróns "fueron directos a la caja y rebuscaron por todos los cajones por el cambio". Así actuaron no bar Rizos da rúa Cruz Vermella de Pontevedra na madrugada do luns ao martes segundo a versión dos feitos que mantén o seu propietario, Miro.
O home decatouse do sucedido sobre as 9.00 horas deste martes cando recibiu unha chamada da Policía Nacional e, cando chegou ao seu negocio, se encontrou con que a persoa ou persoas que cometeron o roubo "cortaron la reja y abrieron las puertas, para eso rompieron los cristales de la parte de arriba".
Prefire que non apareza retratada a entrada destruída polos ladróns para poder acceder ao local, pero Miro si achega outros detalles do roubo. Segundo explica, os ladróns sábese que foron directos á caixa porque non forzaron a máquina comecartos nin a surtidora de tabaco.
"Fue una cousa muy rápida", valora mentres agarda a que lle reparen os danos causados polos ladróns na entrada do negocio. No caso contrario, non podería botar o peche pola noite cando remate o horario de apertura ao público.
O roubo xa está a ser investigado pola Policía Nacional, que a primeira hora da mañá enviou ao lugar á Policía Científica. Segundo os datos dos que dispoñen na Comisaría Provincial, o importe do botín alcanzado foi duns 600 euros entre o diñeiro da caixa rexistradora e os cambios.
O bar Rizos xa foi vítima doutro roubo con forza "hace unos tres años". Naquela ocasión, leváranlle o diñeiro da máquina comecartos tras entrar pola fiestra.