Ponte Caldelas brinda asesoramento xurídico aos afectados pola estafa de seguros
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas anunciou este venres que brindará un primeiro asesoramento xurídico á cidadanía que resulte afectada pola presunta estafa cometida por un corredor de seguros do municipio, na que ata o de agora hai tan só unha denuncia, pero previsiblemente moitos prexudicados máis.
Segundo deu a coñecer o Concello, a idea é poñer a disposición dos veciños do municipio afectados os servizos dos seus asesores xurídicos para que os oriente sobre como afrontar a situación, á que chegaron porque un traballador dunha correduría presuntamente cobroulles as pólizas, pero non as tramitou, deixándoos desprotexidos.
Os especialistas xa lle anticiparon ao Concello que o asunto terá o seu percorrido penal para o implicado, que está a ser investigado pola Garda Civil por estafa, pero que os afectados poderían ser resarcidos dos danos producidos sen necesidade de chegar ao xulgado.
O alcalde, Andrés Díaz, indica que está claro que tanto a correduría de seguros como as compañías que lle dan cobertura teñen a obriga de resarcir os danos de xeito inmediato e engade que se algún afectado ten dúbidas ou quere recibir un primeiro asesoramento para guiar as súas reclamacións, pode contar coa axuda dos servizos da asesoría xurídica municipal.
Díaz recalca que, segundo a información que lle transmiten os técnicos, hai que reclamar os prexuízos económicos derivados da suposta estafa, tales como as multas de tráfico que algúns veciños recibiron por non ter póliza en vigor, ou os danos producidos no caso de accidente.
Ademais, as persoas afectadas deben esixir, en todo caso, que se regularice retroactivamente a póliza de seguros contratada dende a data do pago porque, entre outras cousas, é imprescindible acreditar as datas para beneficiarse das bonificacións anuais sucesivas.