Carmela Silva saca peito dos plans DepoRemse e Reequilibrio da Deputación: "Nunca se fixera tanto"
Por Natalia Puga
A presidenta da Deputación de Pontevedra en funcións, Carmela Silva, quixo facer balance este venres de dous dos plans estrela do últimos catro anos na institución provincial, DepoRemse e Reequilibrio, que, xunto co Plan Concellos, permitiron responder as demandas de investimentos dos distintos municipios.
A modo de resumo, insiste en que "nunca se fixera tanto" e en que os proxectos postos en marcha durante o goberno bipartito PSOE-BNG "están a transformar por completo a provincia" para garantir que a cidadanía teña acceso aos mesmos equipamentos e servizos "viva onde viva". Estes dous plans en concreto supuxeron investir 26 millóns de euros en 40 concellos.
O Plan Reequilibrio repartiu 15 millóns de euros en subvencións para investimentos en equipamentos e dotacións singulares para avance do reequilibrio territorial dos servizos entre un total de 25 concellos de menos de 20.000 habitantes. Os fondos distribuíronse seguindo criterios "rigorosos e transparentes".
Segundo a información facilitada por Carmela Silva, todos eses proxectos están xa en marcha ou terminados excepto o relativo ao auditorio do Grove, pois houbo problemas na fase de adxudicación. En todo caso, xa está ben encamiñado e prevese que as obras poidan empezar "de forma inmediata".
A obra da piscina pública municipal en Outeiro de Barro está finalizada ao 100% e a prevista en Bueu ten executado o 50%. Terminadas están tamén a humanización da Praza de España e do primeiro tramo da Avenida de Vigo en Ponte Caldelas e a remodelación do Clube de Piragüismo de Vilaboa.
En Moraña, atópase ao 95% da súa execución a rehabilitación e ampliación do antigo mercado para convertelo en edificio sociocultural. En Campo Lameiro, está ao 70% o Centro de Estancia en Campo Lameiro. En Caldas de Reis, pola súa banda, atópase ao 50% a edificación para escola de música, escola taller e outros usos municipais.
En Meis, xa se realizou o 77% da reforma e adecuación da praza de España do Mosteiro e na Illa executouse o 40% da obra de rehabilitación das vivendas modernistas para convertelas en equipamentos socioculturais.
En relación co Plan DepoRemse, que supón asistencia económica aos concellos de conformidade coas necesidades municipais solicitadas en materia de infraestruturas viarias, Carmela Silva explicou que se investiron 11 millóns de euros en 31 concellos.
Carmela Silva detallou que un dos obxectivos do goberno da Deputación foi, con cargo a este Plan, desenvolver unha mobilidade sustentable que priorice a seguridade e a mobilidade peonil en calquera estrada.
Un total de sete proxectos seguen pendentes do inicio da obra, nove pendentes do inicio do procedemento de contratación, sete en fase de contratación e oito en execución. Na comarca de Pontevedra estrá en execución a mellora da seguridade viaria en Barro, a mellora da mobilidade viaria na contorna dos centros culturais e educativos da Chan en Amil (Moraña) e a actuación integral de mellora da mobilidade e da seguridade viaria na Seara, en Poio.
Ademais, atópanse en fase de contratación a peonalización da rúa José Antonio de Campo Lameiro, a remodelación e mellora da seguridade viaria do polígono industrial de Cuntis, a reurbanización integral da rúa A Pedra en Bueu e a mellora integral da mobilidade e seguridade viaria na contorna do recinto de Fexdega en Vilagarcía de Arousa.
En execución están a reforma da contorna do centro de saúde da Illa de Arousa e en fase de contratación e pendente de iniciar o procedemento de contratación, a remodelación e mellora na seguridade dos viais da contorna dos centros educativos de Dena, en Meaño.
Na comarca do Salnés están pendentes de inicio as obras de proxecto de acougado de tráfico e mellora da accesibilidade no colexio Rosalía de Castro no Grove e a seguridade viaria nos accesos á gardería municipal, CPI Julia Becerra, o pavillón polideportivo e Campo da Bouza en Ribadumia.
Relacionadas:
-
O centro urbano de Campo Lameiro súmase á peonalización
Por Redacción |
-
A piscina de Bueu, lista para a súa inauguración a falta dos "últimos detalles"
Por Redacción |
-
Garanten que a piscina municipal cuberta estará rematada "en febreiro ou marzo" de 2020
Por Redacción |
-
O Grove, unha vila "irrecoñecible positivamente" para a presidenta da Deputación
Por Redacción |
-
Carmela Silva celebra o "cambio radical" de Ponte Caldelas nos últimos catro anos
Por Redacción |
-
A mellora da rúa da Pedra comezará a executarse a primeiros de xullo
Por Redacción |
-
Barro adxudica a mellora da seguridade en viais municipais
Por Redacción |
-
A Deputación completa os convenios do Plan DepoRemse cos dez últimos concellos beneficiarios
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación e os concellos beneficiarios asinan os convenios do Plan Deporemse
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE propón 21 medidas para "reequilibrar" a fiscalidade municipal en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |