Se buscas praias fluviais, vai a Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
Por segundo ano consecutivo, o Concello de Cerdedo-Cotobade convértese no municipio que oferta máis praias fluviais e zonas de baño de augas continentais en toda Galicia para este verán.
Nos próximos meses, os visitantes e os residentes no municipio poderán gozar de cinco espazos que están catalogados no censo oficial da Consellería de Sanidade. Segundo os datos oficiais do estado de caudais que ofrece a Xunta de Galicia, estes espazos para o baño ofrecen unha categoría de primeiro nivel.
O municipio conta coas praias de Carballedo, Xesteira (Almofrei) e Pozo Negro (en Rebordelo), tamén bañada polo río Almofrei, ademais do Río Cabanelas-Viascón e Calvelo, en Tenorio, en augas do Lérez. Todas ofrecen un estado de augas excelente, salvo no caso do Pozo Negro, onde o nivel descende a "boa".
O presidente municipal en funcións Jorge Cubela sinala que estes espazos ofrecen unha beleza natural impresionante. A todas estas zonas de baño tamén hai que sumar a praia fluvial de Cerdedo que presenta unha contorna con infraestrutura nas proximidades do Monte Seixo.