Multa de 180 euros para un home que ameazou aos seus veciños en Caldas: "Os voy a pegar dos tiros"
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra acaba de confirmar unha condena para un home que no ano 2017 ameazou aos seus veciños ao berro de "os voy a pegar dos tiros". Deberá cumprir a pena dun mes de multa a razón de 6 euros diarios, isto é, 180 euros.
O home xa fora condenado polo Xulgado de Instrucción número 1 de Caldas de Reis, pero recorreu a sentenza condenatoria. O intento de eludir a condena resultou frustrado e agora a Audiencia confirma a pena previa como autor dun delito de ameazas.
Os feitos ocorreron en agosto de 2017. Un veciño do agora condenado estaba en compañía doutras persoas nunha leira lindeira ao seu domicilio realizando traballos nun pozo de propiedade comunal cando el dirixiuse a todos os presentes e proferiulle as citadas ameazas.
O condenado recorreu alegando quebrantamento das normas e garantías procesuais que provocan indefensión e erro na valoración da proba e solicitaba a nulidade da sentenza por defecto de forma e a súa absolución, pero a Audiencia considera que non se vulneraron tales dereitos nin se percibe tal indefensión.
Ademais, a nova sentenza da Audiencia Provincial confirma que si hai carga probatoria para condenalo, pois o condenado alegaba que había relación previa entre a persoa denunciante e as testemuñas das ameazas e que incorrían en contradicións, pero o tribunal provincial cre que non hai dúbidas sobre a credibilidade dos seus testemuños.
Así, recoñece que é certo que a un das testemuñas a contrataron os regadores da auga do pozo controvertido coa finalidade de colocar alí unha mangueira e que outro é usuario da auga do pozo, pero que non se considera que supoña unha especial relación co denunciante que mingüe a súa credibilidade.
Neste sentido, a nova sentenza recolle que se ve corroborada a declaración do denunciante cos testemuños das dúas testemuñas antes referidos e que é "proba suficiente para enervar a presunción de inocencia do acusado".