A Garda Civil saca do mercado negro un centenar de armas ilegais, dez delas de guerra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Unha importante operación liderada pola Garda Civil de Pontevedra permitiu sacar de circulación e do mercado negro un centenar de armas ilegais, moitas delas de alto perigo, cuxo destino previsiblemente sería caer en mans de delincuentes e terroristas. Dez delas eran armas de guerra.
Para facerse unha idea da potencial carga lesiva das armas incautadas e, por tanto, da transcendencia da operación, bastaría un exemplo. Entre as pezas intervidas había unha igual ás utilizadas para perpetrar atentados terroristas como o realizado en novembro de 2015 na sala de concertos Bataclán de París, no que tres terroristas mataron a 90 persoas e feriron a outro centenar.
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maia Larriba; o xeneral xefe da XV Zona da Garda Civil, Luís Francisco Rodríguez; e o tenente coronel xefe interino da Comandancia de Pontevedra, Manuel Touceda, deron conta da operación este martes nunha comparecencia na Comandancia pontevedresa na que destacaron trátase dun dos maiores arsenais de armas ilegais incautados en Galicia nos últimos anos.
A operación, que se bautizou como Iceberg, saldouse coa intervención dese centenar de armas -84 en concreto- e dunha importante cantidade de munición: 3.411 cartuchos metálicos de diferentes calibres. Ademais, foi detido o presunto propietario do arsenal, ao que se atribúen delitos de depósito de armas de guerra, depósito de armas, tenencia ilícita de armas prohibidas e depósito de municións.
As armas estaban ocultas nunha leira de grandes dimensións que o detido frecuentaba na parroquia de Pías, en Ponteareas. Unha parte tíñaas gardadas nunha caixa forte de grandes dimensións oculta tras un sofisticado dobre fondo detrás dunha librería e o resto no garaxe.
A Garda Civil destaca o especial perigo de 10 armas de guerra: tres subfusiles, tres fusiles de asalto, dúas metralladoras, un fusil ametrallador e unha pistola metralladora. Ademais, tiña no seu poder 66 armas curtas (32 pistolas e 34 revólveres), sete armas longas (tres escopetas, dous fusís, un mosquetón e un rifle), pólvora, vainas, proxectís, pistones e unha máquina de recarga para a fabricación artesanal e ilegal de munición.
O arsenal complétase con dous bastóns de estoque, 52 canóns soltos, 47 cargadores de todo tipo de armas e numerosas pezas fundamentais ( armazones, correderas, tambores de revolver e ferrollos), accesorios, ferramentas e pezas para a manipulación e rehabilitación de armas de fogo.
O detido foi posto ao dispor do Xulgado de Instrución número 1 de Ponteareas, que decretou a súa posta en liberdade en calidade de investigado. Agora, a investigación segue aberta e ábrese un novo período no que os investigadores deberán tentar determinar a trazabilidade das armas incautadas, co fin de determinar a súa procedencia e se foron utilizadas para cometer algún tipo de delito.
Algunhas da armas tiñan os seus números de serie borrados ou alterados, polo que non se descarta que procedesen de roubos ou que puidesen ser introducidas ilegalmente no país. En todo caso, á marxe desas novas xestións, o éxito da operación foi grande, pois, tal e como valorou Javier Losada, "hoxe os delincuentes e terroristas teñen menos oportunidades de facer dano á nosa sociedade".
A operación enmárcase no Plan Integral para o Control das Armas de fogo ( PICAF) da Garda Civil, no que se busca evitar o desvío de armas a grupos criminais e unidades terroristas e implicou á Xefatura de Información (UCE3) e o Grupo de Información da Comandancia de Pontevedra, co apoio do Servizo Cinológico de Madrid e da Intervención de Armas da Comandancia.
A operación comezou o pasado mes de marzo, despois de que a Garda Civil detectase que un veciño de Ponteareas con licenza de armas como tirador deportivo estaba a adquirir a través de internet pezas e accesorios para armas que non correspondían ás que posuía legalmente. Como colofón á investigación, realizouse un rexistro e localizouse o arsenal.