Absolven un home que alegou que levaba encima drogas para todo o mes porque ir ao Vao a diario é perigoso
Por Natalia Puga
A Audiencia de Pontevedra decidiu dar por boas as afirmacións durante o xuízo de Juan Jesús S.S., que en maio de 2017 foi detido pola Policía Nacional no poboado do Vao de Abaixo con 13 bolsas con droga -heroína e cocaína- e explicou que a levaba encima para consumo propio, pois adoitaba comprar doses para todo o mes, pero non tiña intención de vendela.
Unha vez que o acusado negou que tivese intención de traficar e que a Fiscalía non conseguiu demostrar que a tivese, o tribunal da Sección Segunda da Audiencia decidiu absolvelo.
A sentenza absolutoria conclúe que "non consta que ditas substancias estivesen predestinadas á súa transmisión a terceiras persoas" e sinala que toda a proba contra el baseábase nas súas afirmacións ao policía que lle deu o alto no poboado do Vao e asegurou que lle confesaba que as substancias eran para vender.
O acusado negou tales manifestacións no xuízo e mesmo engadiu que tería que ser parvo para dicirlle iso. Unha vez analizadas todas as probas, o tribunal provincial conclúe que "non podemos descartar unha confusión ou equivocación no receptor ou no emisor das manifestacións".
Juan Jesús S.S. xustificou durante o xuízo que levaba tanta droga encima porque cada vez que ía a O Vao compraba para todo o mes polo perigo de acudir a diario ao poboado. "Ir en taxi al Vao se está convirtiendo en una aventura. Suelo ir una vez y comprar las dosis para todo el mes. Normalmente 150 euros", explicou. Finalmente, os maxistrados da Audiencia dan por boa esta declaración e tan só poden considerar probado que ese día foi interceptado coa droga encima.
O tribunal tivo en conta que o acusado sostivo que é consumidor de substancias estupefacientes, heroína e cocaína desde hai moitos anos. De feito, existe un informe médico da unidade de asistencia de drogodependencias do Complexo Hospitalario de Pontevedra no que se refire que foi asistido no devandito servizo por primeira vez no ano 1997 pola súa dependencia a múltiples drogas. O documento conclúe que Juan Jesús ten un diagnóstico de trastornos mentais e do comportamento debidos ao consumo de múltiples drogas ou doutras substancias psicotrópicas.