Esclarecen un incendio en Moraña provocado por unha queima de restos forestais
Por Oskar Viéitez
Axentes da Policía Autonómica e axentes forestais veñen de esclarecer un incendio no concello de Moraña.
Os policías integrantes do Grupo de Investigación de Incendios da Sede Provincial de Pontevedra, en colaboración con axentes medioambientais do Distrito Forestal XIX, procederon a tomar declaración como investigado a un varón, presunto autor dun incendio ocorrido o pasado día 22 de maio, na parroquia de Saiáns, no que arderon 2,5 hectáreas de superficie arborada.
O lume foi orixinado por mor dunha queima de restos forestais que o investigado realizaba, carecendo da correspondente autorización e sen adoptar as medidas de seguridade pertinentes. As dilixencias por tales feitos foron remitidas ao Xulgado de Garda de Caldas de Reis.
Na actual campaña contra os incendios forestais do 2019, un total de 41 persoas foron investigadas pola Policía da Xunta de Galicia, como presuntas autoras de incendios forestais.