Desarticulan un punto negro de venda de droga nas inmediacións dun colexio de Pontevedra
Por Natalia Puga
A Policía Nacional de Pontevedra dá por desarticulado un activo punto negro de venda de drogas coa detención dun veciño de Marín nas inmediacións dun centro escolar pontevedrés.
A detención produciuse no marco do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas que desenvolven, en función dos seus ámbitos de competencia, a Policía Nacional e a Garda Civil.
Neste caso, unha patrulla da Policía Nacional habilitara un dispositivo para a prevención do consumo e venda de substancias estupefacientes na contorna dun colexio e observou un vehículo circulando polas inmediacións dun centro escolar en actitude sospeitosa.
Os axentes interceptaron o vehículo e entrevistáronse cos ocupantes, Nese momento, percibiron un forte cheiro a marihuana, de modo que efectuaron un cacheo superficial dos ocupantes e un rexistro do vehículo. Ao condutor interviñéronlle un envoltorio de plástico que contiña substancia susceptible de ser haxix cun peso de 8,2 gramos.
Ademais, a Policía Nacional interveu ao condutor 3,4 gramos de Speed, 4,2 gramos de MDMDA, unha bolsa de plástico con 27 pastillas que todo a punta a que son metanfetamina ou éxtase e dúas pastillas aparentemente de viagra.
Tamén lle interviñeron 70 euros en billetes fraccionados e no maleteiro atoparon un spray de defensa e un maletín cunha arma de aire comprimido sen a correspondente licenza. De todo iso deron conta á Subdelegación do Goberno.
Os axentes procederon á detención do condutor por un delito contra a saúde pública por venda de haxix e pastillas e trasladárono a dependencias policiais para prestar declaración por estes feitos. Trátase dun veciño de Marín de 34 anos con antecedentes policiais.
A intervención tamén implicou a intervención da Policía Local. A Policía Nacional alertouna tras detectar que o vehículo circulaba sen a ITV en vigor. Propúxoselle para unha sanción.