A Universidade "tentará" que a rebaixa salarial non afecte ao persoal mil eurista
Por Redacción
A Universidade de Vigo "tentará" que a rebaixa salarial imposta pola Xunta de Galicia nas universidades públicas galegas non se aplique na institución académica pontevedresa a todos aqueles traballadores que cobren un máximo de 1,5 veces o salario mínimo interprofesional, os coñecidos como mil euristas, unha posible medida que afectaría, entre outros, a numerosos investigadores contratados con cargo a proxectos.
Esta é unha das principais medidas anunciadas polo reitor, Salustiano Mato, nunha sesión de Claustro na que tamén se presentou o informe do Tribunal de Garantías sobre o ano 2012. Argimiro Rojo, o seu presidente, advertiu dun aumento progresivo da conflitividade "acorde cos tempos de crise que padecemos".
Tras a intervención do portavoz da oposición, Jaime Cabeza, e dos diferentes representantes sindicais solicitando a paralización dunha rebaixa salarial á que se referiron como "inxusta e mesmo ilegal", o reitor chamou á unidade de acción "que nos permita por todas as vías posibles atenuar as consecuencias da lei e, sobre todo, blindarnos ante futuras accións".
O reitor insistiu en que a lei é de obrigado cumprimento para as institucións públicas e "a única alternativa a non aplicar isto desde xa é que todo o persoal se quede sen a nómina dalgún dos últimos meses do ano". Nesta liña Mato anunciou tamén que a Universidade e todo o seu equipo xurídico traballa a reo na busca de medidas "dotadas da correspondente seguridade xurídica" coas que minguar o impacto da Lei nos vindeiros meses.