Escolares do colexio Marcos da Portela concéntranse para reclamar un pediatra en Monte Porreiro
Por Anxo Lourido
Decenas de escolares con pancartas e carteis reclamando a presenza dun médico pediatra concentrábanse, acompañados por familiares, na entrada do colexio Marcos da Portela na mañá deste venres 24 de maio.
A ANPA, que organizaba esta protesta, reclama ao Servizo Galego de Saúde a cobertura do pediatra que este venres se prexubila e que ofrecía atención a menores tanto en Monte Porreiro como no municipio de Barro, a través de quendas de media xornada.
Carlos Diéguez, presidente da asociación O Miradoiro de Monte Porreiro, que acudía á concentración manifestaba o seu malestar ante a falta de comunicación por parte da Consellería de Saúde e da xerencia do complexo hospitalario ata o momento. Teme que 800 escolares da urbanización e outros 500 de Barro sufran as consecuencias de quedar sen atención nos seus respectivos centros de saúde. Por iso decidiron pasar á acción.
A esta protesta dun cuarto de hora de duración terá a súa continuidade o vindeiro venres 31 de maio. Será unha manifestación desde Monte Porreiro ata a praza de España a partir das 20.15 horas que finalizará coa lectura dun manifesto no que se esixirá a inmediata presenza dun pediatra.
O representante veciñal entende que ademais o Sergas tentou "boicotear" as súas protestas a través de comunicados nos medios de comunicación nos que asegura que Monte Porreiro continuará mantendo un pediatra no cadro de persoal do centro de saúde pero recoñece que carece de profesionais desta especialidade nas listas de espera e, por este motivo, descoñece cando se poderá levar a cabo a substitución.
#Ante esta situación, Carlos Diéguez afirma que a veciñanza se teme que están a tentar desmantelar o centro de saúde e asegura que van seguir loitando por manter todos os servizos sanitarios.
Relacionadas:
-
Monte Porreiro e Barro reclaman garantías de que os seus centros de saúde contarán co servizo de Pediatría
Por Redacción & Nacho Fuentes |
-
Monte Porreiro e Barro recuperarán o seu pediatra a partir do 30 de xuño
Por Redacción |
-
O BNG leva ao Parlamento a cobertura de pediatría en Barro e Monte Porreiro
Por Redacción |
-
María Rey pídelle ao PP "que deje el pico y coja la pala" para que Monte Porreiro non quede sen pediatra
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra esixe ao Sergas que cubra de xeito "inmediato" a praza de pediatra en Monte Porreiro
Por Alejandro Espiño |
-
Barro e Monte Porrreiro queren garantías na cobertura pediátrica
Por Redacción |