A Deputación sortea as prazas do programa Depo Aventura A Lanzada 2019
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra efectuou este xoves, no Pazo Provincial, o sorteo informático das prazas para o programa "Depo Aventura A Lanzada" deste ano, que se vai desenvolver en 11 quendas distintas entre o 23 de xuño e o 7 de setembro, no Centro de Vacacións da Lanzada.
Esta iniciativa permite que nenos de entre 8 e 13 anos da provincia pasen o seu tempo libre en campamentos de verán con actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo.
Para "Depo Aventura A Lanzada 2019" presentáronse un total de 3.713 solicitudes, das que 142 quedaron excluídas do sorteo por non subsanar defectos en tempo. O sorteo informático estableceu os participantes para cada unha das quendas, en total, 2.200 prazas que se organizan en 11 quendas entre os meses de xuño e setembro.
O resultado do sorteo está dispoñible dende hoxe na web da Deputación, cun buscador dispoñible, no que as familias -a través do NIF do pai/nai/titora ou titor legal e data de nacemento da crianza- poden consultar se ten praza e en que quenda ou se non ten praza e en que posición das listas de agarda se atopa.
Ademais, as familias beneficiarias de praza recibirán un SMS cunha clave e identificador para acceder aos seus datos no listado e poder realizar o pagamento, ben descargando o recibo ou ben mediante pago telemático.