Dorrón recupera o acceso peonil desde O Outeiro á estrada provincial

Por Redacción
Un total de 360 metros cadrados foron cedidos por seis veciños do Outeiro para poder abrir o acceso peonil á estrada provincial que levan máis de cinco anos reclamando.
Ata agora os veciños víanse obrigados a dar un rodeo de máis de 500 metros e subir unha rampla cunha pendente considerable ou unhas escaleiras metálicas con moito desnivel para acceder desde o núcleo do Outeiro á estrada provincial. E é que coas obras de mellora deste vial construíuse un muro de contención que supuxo a supresión dunha senda peonil que era empregada para ir camiñando ao colexio ou á igrexa, por exemplo.
Agora grazas ás cesións de veciñais foi posible habilitar un camiño peonil para facilitar este acceso, pero sobre todo para mellorar a seguridade dos usuarios do mesmo, xa que desta forma non terán que camiñar polo mesmo viario que circulan os coches.
Para que poida ser unha realidade, redactouse un proxecto, valorado en 48.112 euros, e que contemplaba a escavación dos terreos, o recheo e regularización, a cimentación con formigón e soleira de 15 centímetros e por último a colocación dun bordo de formigón prefabricado e unha varanda de madeira.