Denuncian o sistema de videovixilancia da praza de touros
Por Redacción
A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas denunciou aos responsables da praza de touros de Pontevedra ante a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) por unha posible vulneración da lei, ao detectar "graves carencias" nas cuestións relacionadas co sistema de videovixilancia.
Esta denuncia súmase a outra anterior rexistrada en outubro de 2018 por vulnerar a Lei Orgánica de Protección de Datos de Carácter Persoal.
Os abolicionistas lamentan que desde o Concello de Pontevedra, que usa o coso a través dun convenio de arrendamento, non esixise aos propietarios do recinto o cumprimento da normativa sectorial, ao salientar que a praza é de acceso público durante a feira taurina, pero tamén cando se realiza o espectáculo da Feira Franca, "impedindo á cidadanía exercer posibles dereitos relacionados coa súa imaxe persoal e o seu tratamento".
Neste sentido a plataforma antitaurina sinalou que a AEPD pode exercer accións sancionadoras e lembran que desde outubro do pasado ano, cando se comunicou aos responsables un período de tempo para adaptarse, "non se realizou cambio algún", como puido constatar Galicia, Mellor Sen Touradas a pasada fin de semana.
Así, a plataforma recomendou aos promotores taurinos que se lean a guía sobre o uso de videocámaras para seguridade e outras finalidades que edita a propia Axencia Española de Protección de Datos e lembran que a empresa organizadora da feira taurina xa foi proposta para sanción por parte da Xunta por incumprir a Lei de Espectáculos Públicos de Galicia.