Cerdedo-Cotobade amplía as ludotecas ao mes de agosto
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade organiza tres ludotecas de verán que se desenvolverán nas localidades de Carballedo, Tenorio e Cerdedo pero coa novidade de que todas elas celebraranse durante os meses de xullo e agosto, anteriormente cada unha só se ofrecía durante un mes.
As tres ludotecas, que están orientadas a rapaces de 4 a 12 anos, veñen de pechar este mércores o prazo de recepción de ofertas, polo que en breve abrirase a inscrición, que terá un custo de 15 euros e na que haberá prioridade para os empadroados no municipio.
As ludotecas, que se desenvolverán durante as 40 xornadas hábiles dos meses de xullo e agosto atendidas por oito monitores, terán 45 prazas cada unha en cada un dos grupos mensuais, polo que desta volta o Concello habilitará un total de 270 prazas durante todo o verán.
Na súa programación mistúranse actividades lúdicas e educativas que pretenden impulsar os xogos, a creatividade, o deporte, o reforzo das linguas galega e inglesa, o traballo en grupo, a educación en valores e os hábitos saudables. Para elo, organizaranse xogos novos e tradicionais, competicións, actividades interactivas, obradoiros, animación á lectura, saídas e roteiros.
Por outra banda, e tamén no marco das accións de conciliación estival, o Concello tamén vén de pechar a recepción de ofertas para o desenvolvemento de Campalledo 2019, que se celebrará en dúas quendas: unha para cativos de 7 a 11 anos e outra para nenos de entre 12 e 17. Cada unha delas conta cun límite de trinta prazas.
En total, o Concello vai investir 30.000 euros nas accións de conciliación deste verán, dos que 20.000 correspóndense coas ludotecas e os 10.000 restantes co campamento.