As estradas provinciais incrementaron o tráfico de vehículos pesados nun 4,3% o ano pasado
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra vén de facer pública a Memoria anual de aforos 2018, un documento no que se recompila a información obtida sobre o tráfico nas estradas da súa competencia durante o ano 2018. Este estudo revela que as intensidades de tráfico experimentaron un aumento do 2,8 % o pasado ano con respecto ao exercicio anterior, sendo o incremento de vehículos pesados dun 4,3%.
O obxecto da Memoria anual de aforos é dar a coñecer a demanda de mobilidade nas estradas de titularidade da Deputación de Pontevedra, é dicir, o uso que se fai destas infraestruturas, e tamén facilitar o acceso aos datos, que se poden consultar no apartado de Mobilidade da páxina web da Deputación nas fichas correspondentes a cada estrada.
Trátase dun estudo centrado na obtención do parámetro da intensidade media diaria (IMD) do tráfico, que representa o número de vehículos que transitan de media ao día nas estradas que compoñen a rede viaria. Extráense tamén outros parámetros relacionados coa circulación como a velocidade ou a tipoloxía dos vehículos, necesarios para posteriores estudos de trazado e actuacións de conservación na rede.
En conxunto, no 2018 realizáronse un total de 142 aforos en 118 treitos da rede de estradas. Os datos de tráfico dos 294 treitos restantes que conforman a rede obtivéronse a través dun proceso de extrapolación con aqueles que si foron obxecto de aforo, o que permite ter un coñecemento do tráfico que anualmente circula pola totalidade da rede de estradas provinciais.
Para a Deputación de Pontevedra este documento é unha ferramenta de traballo fundamental na xestión e explotación das estradas, ademais dun instrumento para a planificación e decisión de novas actuacións en infraestruturas. O estudo dos aforos de 2018 forma parte dun plan de catro anos que permite, así mesmo, ver a evolución da circulación de vehículos.
O departamento de Mobilidade da Deputación dirixido por Uxío Benítez está a desenvolver nestes momentos a primeira parte da campaña de 2019 de control de aforos. Neste exercicio realizaranse un total de 150 medicións, das que 119 serán semanais e 31 diarias en estradas de diferentes tipoloxías.
Segundo explica o deputado nacionalista a campaña de 2019 está dividida en dúas épocas do ano. A primeira comprende os meses de marzo, abril, maio e comezos de xuño, mentres que o segundo período de aforos realizarase en outono, e servirá para volver aforar as estradas ou treitos de estradas de maior tránsito que se medirán dúas veces no exercicio.