O goberno de Ponte Caldelas cre que a Festa Sevillana é "prescindible" e aposta por destinar o investimento a Servizos Sociais
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas saíu ao paso dos ataques lanzados pola directiva da asociación de Mulleres Rurais 'Aires del Norte y Olé' por retirar o apoio institucional á Festa Sevillana, que trasladan a Fornelos de Montes. Segundo indican desde o goberno local, este evento trátase dunha actividade organizada por esta asociación privada e non se atopa promovida polo Concello, que tampouco participa na organización.
Desde o goberno de Andrés Díaz recoñécese que en 2018 se colaborou coa asociación porque a carpa da Festa da Troita foi aproveitada para despois celebrar a Festa Sevillana sen que supuxera un "custo elevado para o Concello". Este ano, segundo indican, ao non coincidir temporalmente as dúas festas o Concello estaba obrigado a contratar expresamente unha carpa para instalala para a primeira fin de semana de xuño, elevando o custo.
Segundo explican desde o goberno local, o Concello aprobou estes días unha modificación de crédito para reforzar a partida destinada aos Servizos Sociais. A causa desta actuación é a licitación inminente do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que pasa dos 220.000 euros actuais a 255.000 euros. O contrato actual finaliza o 30 de xuño e a empresa que actualmente presta o servizo renunciou a continuar en prórroga. Ante esta situación, o equipo de goberno decidiu recortar varias partidas orzamentarias, entre as que se atopa a de Cultura. Un dos gastos que se recorta é o da Festa Sevillana, que consideran "prescindible".
O goberno local indica que o Servizo de Axuda no Fogar, que atende a 34 persoas maiores é unha "prioridade total e absoluta" para o Concello de Ponte Caldelas, que lamenta que a asociación de Mulleres Rurais 'Aires del Norte y Olé' utilice electoralmente este asunto.