Sanxenxo licita a construción dun skate park en Portonovo
Por Oskar Viéitez
O goberno local de Sanxenxo sacou a licitación a construción dun skate park en Portonovo, cun orzamento de 177.726,32 euros.
O prazo de execución da obra é de cinco meses e as instalacións situaranse na zona da piscina e o campo de fútbol de Baltar nunha parcela cunha superficie de 1.839 metros cadrados.
O Parque dividirase en 3 zonas, destinadas dúas delas principalmente á modalidade de skate ( Street: 543 metros cadrados e rampla: 318 metros cadrados) e unha terceira zona destinada a parkour cunha superficie de 185 metros cadrados.
Proxéctase a incorporación doutra modalidade de skatepark, o bowl. En lugar de sectorizar de forma ríxida as dúas partes óptase por unha distribución que permite mesturar e combinar ambas as modalidades, compartindo espazos e permitindo a circulación entre elas dun modo fluído e seguro.
No punto de encontro de ambas as zonas resérvase un espazo de descanso equipado cunha serie de bancos e vexetación tratando de facer a zona o máis agradable posible que poderá ser usada como un elemento máis de patinaxe.
O goberno local encargou este proxecto, cun custo de 9.000 euros, despois de manter varias reunións con Diego Barbeito, un gran referente do skate en Sanxenxo, e con mozos que practican skate, scooter e parkour e que colaboran activamente con + Xuventude, máis Concello, na detección de demandas e necesidades dos mozos da súa idade. Ademais, trátase dunha demanda histórica no municipio.