Deteñen dous mozos que foron sorprendidos roubando combustible dunha máquina de asfaltar
Por Redacción
Dous mozos de 21 e 18 anos de idade foron sorprendidos roubando o combustible dunhas máquinas de asfaltar que se atopaba estacionada nunha estrada rural da parroquia pontevedresa de Xeve. Foron detidos por axentes da Policía Nacional como presuntos autores dun delito de roubo con forza. Ambos contan con antecedentes policiais previos.
Os feitos remóntanse ao día 1 de xuño. Foi entón cando un veciño de Pontevedra denunciou que mentres circulaba co seu vehículo por Xeve observou a tres individuos subtraendo combustible dunhas máquinas de acondicionar o asfalto que se atopaban na zona. Ao seren sorprendidos, seguíronlle ata o seu domicilio proferindo, segundo consta na denuncia, ameazas e chegando ata a arroxarlle pedras ao seu vehículo.
A raíz da denuncia os axentes iniciaron as investigacións para tratar de identificar aos autores dos feitos. Un deles, unha vez identificado, o día 10 de xuño ás 11.15 da mañá, fixo entrega na Comisaría de tres garrafas de 25 litros de capacidade que contiñan gasoil, unha delas chea e a outra pola metade. Asegura que o subtraeu das máquinas que se atopaban na estrada de Campolameiro.
Por todo iso o axentes procederon á súa detención por un delito de roubo con forza. Dous días despois de entregarse, o día 13 de xuño ás 11.30 da mañá, foi localizado e detido o outro autor da sustracción.
Ao mozo de 21 anos impútaselle ademais o roubo con forza ocorrido no interior dun establecemento da rúa Campo Santo do que subtraeron un trade, catro amoladoras, unha máquina de presión e unha moto de circuíto.
A reparación dos desperfectos causados ás máquinas e os 150 litros de gasoil subtraídos foron valorados en 528,29 euros.