A Lama conveniará coa Xunta a construción dun centro de día
Por Redacción
O alcalde da Lama, Jorge Canda, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, teñen previsto asinar un convenio a principios do próximo ano no que Xunta colaborará economicamente na construción dun centro de día para persoas maiores nos terreos municipais dos que o Concello dispón nas inmediacións do pavillón de deportes.
Segundo informou o Concello, o investimento roldará os 500.000 euros e permitirá aos residentes no municipio beneficiarse dunhas instalacións públicas acorde ás súas necesidades.
A intención do alcalde, Jorge Canda, é unha vez construído o edificio sacar a súa xestión a concurso público para que unha empresa privada especializada neste tipo de servizos poida levar adiante o seu funcionamento diario e o seu mantemento.
O municipio da Lama, xunto ao de Cotobade, é o que conta con maior índice de envellecemento da comarca de Pontevedra onde son máis de 300 as persoas de 64 anos por cada 100 residentes menores de 20 anos.