Volven os 'furtos' amorosos con tres vítimas de 72, 80 e 83 anos en Pontevedra e Marín
Por Redacción
A Policía Nacional detectou na cidade de Pontevedra a presenza de persoas dedicadas aos coñecidos como 'furtos amorosos', nos que os denunciados aproxímanse a persoas maiores con diversas escusas co fin de gañarse a súa confianza e así manter un contacto físico que lles permita subtraerlles obxectos sen que se decaten.
Segundo a información facilitada pola Policía Nacional, esta semana presentáronse dúas denuncias na Comisaría Provincial de Pontevedra por parte de dúas vítimas de 83 e 73 anos e unha máis Marín na que resultou prexudicado un home de 80.
O home de 83 anos denunciou a subtracción dun cordón de ouro de gran valor tras ser abordado por unha muller nova que se mostrou moi cariñosa e dicíalle que se parecía moito ao seu avó dándolle un abrazo. Cando se foi do lugar, decatouse de que lle roubaron o cordón, valorado en 1.500 euros.
No caso da muller de 72 anos, a presunta autora achegouse dicíndolle o mesmo, que lle lembraba á súa avoa, e deulle un abrazo. Nese momento subtraeulle unha cadea de ouro.
Na denuncia de Marín, un home relatou que unha nova abordoulle para pedirlle roupa vella que non usase para colaborar coa xente necesitada. El mostrouse colaborador e a moza agradeceullo agarrándolle as mans e dándolle de forma reiterada as grazas. Ao entrar no portal da súa vivenda decatouse de que lle faltaba da man o reloxo,valorado en máis de 2.000 euros.
Estes individuos escollen como vítimas principalmente persoas de avanzada idade portadoras de xoias e diríxense a elas tentando gañarse a súa confianza con algunha escusa, como a semellanza con algún familiar, consultar unha dirección, ou mesmo co ofrecemento de sexo. Unha vez que xa crearon este primeiro vínculo, os autores establecen contacto físico coas súas vítimas e aproveitan para subtraerlles os obxectos de valor que leven encima.
Na maioría dos casos, as vítimas non se dan conta de que lles quitaban obxectos de valor ata que os presuntos autores marcháronse do lugar, chegando a pensar algunhas veces que se trataba dunha perda e non dunha subtracción.
Estes individuos divídense en equipos de traballo constituídos por un condutor, xeralmente home, que se encarga do transporte, localización das vítimas e facilitar a fuxida e polo menos dúas mulleres encargadas de cometer directamente a subtracción.
Relacionadas:
-
Deteñen en Betanzos os autores de 'furtos amorosos' en Pontevedra e Marín
Por Redacción |
-
Alerta policial: detectan de novo en Pontevedra un caso de furto amoroso
Por Redacción |
-
Ollo! Regresan a Pontevedra os "furtos amorosos"
Por Redacción |
-
As ladroas amorosas volven a Pontevedra, esta semana caeron dúas vítimas
Por Redacción |