Comezan as prácticas en Montecelo para 40 estudantes estadounidenses
Por Redacción
O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra deu a benvida esta semana á primeira quenda dos 40 estudantes de Pre-Medicina, procedentes de Estados Unidos, que ata o vindeiro mes de agosto realizarán prácticas universitarias nos centros sanitarios de Pontevedra.
Por cuarto ano consecutivo, a formación destes alumnos universitarios de Pre-Medicina na cidade do Lérez é posible grazas ao "Atlantis Project", un programa de prácticas de observación en hospitais que ten como principal finalidade facilitar e fortalecer os vínculos entre os futuros médicos e investigadores de Estados Unidos e os profesionais sanitarios dos centros nos que se pon en marcha este plan de formación.
O xefe de sección do servizo de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés, o doutor Adolfo Baloira Villar, foi o encargado no hospital Montecelo de dar a benvida á primeira quenda de doce alumnos que durante catro semanas rotarán en parellas por diferentes servizos.
En concreto, os estudantes realizarán as súas prácticas nos servizos de Cirurxía Xeral e Dixestiva, Uroloxía, Pneumoloxía, Cirurxía Vascular, Xinecoloxía, Dixestivo, Anestesioloxía, Otorrinolaringoloxía e Medicina Interna, tendo acceso así a diversas especialidades que ata o de agora descoñecían.
COÑECEMENTO E VOCACIÓN
O principal obxectivo do programa é que os alumnos coñezan de primeira man o traballo que realizan os profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e poidan profundizar na súa vocación médica, ademais de vivir unha experiencia persoal enriquecedora dende o punto de vista cultural.
Os alumnos que veñen de iniciar este programa de formación en Pontevedra están a piques de entrar na facultade de Medicina, logo de concluír un grao universitario e aprobar un exame de acceso que realizarán proximamente. É por isto que deberán compatibilizar as súas prácticas no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra co curso de preparación para o dito exame, de aí que veñan acompañados dun mestre.
Cómpre sinalar que o "Atlantis Project" naceu dun convenio de cooperación educativa asinado no ano 2015 entre o Servizo Galego de Saúde e o St Mary´s Institute for Educational Excellence, situado en Carolina do Norte, para a realización de prácticas de observación de alumnos de universidades de Estados Unidos e Canadá en centros dependentes do Sergas.
Durante o período de formación nos centros pontevedreses, os estudantes non realizarán ningunha actividade médica ou sanitaria, pois a súa participación no programa está limitada á mera observación da actividade asistencial que, neste caso, desenvolven os profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.