Defensa recruta en Pontevedra 90 aspirantes a Tropa e Mariñeiría Profesional
Por Redacción
O Ministerio de Defensa pechou o primeiro ciclo do proceso selectivo 2019 para o ingreso como militar profesional da escala de Tropa e Mariñeiría das Forzas Armadas, con gran afluencia de peticións na provincia de Pontevedra.
Para este primeiro ciclo, recibíronse no centro de selección da Subdelegación de Defensa 287 solicitudes (251 homes e 36 mulleres) para tomar parte no proceso. Finalmente 78 pontevedreses obtiveron praza. Tamén foron admitidos 12 solicitantes procedentes da provincia de Ourense, que fan un total de 90 seleccionados (82 homes e 8 mulleres). Deles, 72 irán a unidades do Exército de Terra, 13 á Armada e 5 ao Exército do Aire.
O número de prazas obtidas no centro de selección de Pontevedra neste ciclo experimentou un notable aumento respecto ao ciclo inmediatamente anterior, desenvolto no segundo semestre do ano 2018. Neste ano 2019 a convocatoria prevé o anuncio dun novo ciclo de selección para o próximo mes de xuño.
Por outra banda, a pasada semana foron publicadas as convocatorias para acceso directo ás escalas de oficiais e suboficiais dos corpos xerais e Infantería de Mariña cun total de 635 prazas, distribuídas en 433 para oficiais e 202 para suboficiais. O prazo para solicitar a participación no proceso de selección finaliza o próximo 31 de maio.