A Policía chama a un uso responsable das redes sociais ante novos casos de submisión química
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Os casos de delitos de 'submisión química' rexistrados en Pontevedra nos últimos días levaron á Policía Nacional a facer un chamamento á cidadanía para que fagan un uso responsable das redes sociais e teñan coidado cando se citan con alguén a quen só coñecen a través de Internet.
O chamamento realizouno este luns Diego Amaya Díaz, xefe de Brigada Provincial de Policía Xudicial de Pontevedra, tras explicar a ardua investigación realizada de forma conxunta entre a súa unidade, a Brigada de Seguridade Cidadá e as brigadas de Policía Científica de Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela que permitiu a detención e ingreso en prisión a semana pasada de dous homes por drogar e logo roubar a catro homes aos que coñeceran a través de páxinas de contacto.
A Policía pide ese uso responsable das redes sociais e recomenda que, cando se contacta con persoas descoñecidas, deberíase ter un teléfono da persoa coa que se contactou, anotar unha matrícula de coche ou mesmo animar a esa persoa para facer unha foto con el para poder ter certos datos desa persoa descoñecida. Eses datos pódense pasar a unha persoa de confianza en previsión de que poida acabar como vítimas deste tipo de delitos.
Este mesmo luns tiveron coñecemento de que os catro delitos son xa cinco, tras detectarse unha nova vítima, un home veciño de Xinzo de Limia, en Ourense. As outras vítimas foron dous veciños de Pontevedra, un de Vigo e outro da contorna de Santiago de Compostela.
Segundo explicou, a investigación resultou "dificultosa" por dous motivos. O primeiro é que as vítimas foron sometidas químicamente, de modo que non lembraban moi ben como sucederan os feitos. O segundo, que estas persoas "xeralmente presentan algún tipo de vergoña para presentar estes feitos ante a familia ou na contorna laboral".
Desde a Policía Nacional, animan ás persoas que sexan vítimas deste tipo de delitos a denunciar e garántenlles total discreción. "Poden facelo directamente a través das brigadas de policía xudicial, onde se lles poderá ofrecer discreción", indicou Diego Amaya.
Ata o momento hai constancia de cinco casos, pero a Policía está convencida de que haberá máis que non denunciaron. En todos os xa denunciados, os dous individuos utilizaron o mesmo modus operandi. Un deles contactaba con outros homes a través de coñecidas aplicacións de contactos e, tras gañarse a súa confianza, concertaba unha cita. A cita producíase nalgún bar da cidade e alí, nunha das consumicións, fornecíalle a substancia tóxica, benzodiacepina.
Unha vez que a vítima se atopaba sumisa debido ás substancias, entraba en xogo o outro detido, que se atopaba nas proximidades do bar. Cando o seu compañeiro chamáballe, dirixíase ao lugar para axudarlle a subir á vítima ao domicilio. Unha vez no interior dos domicilios, e coa vítima totalmente sometida, os dous detidos dedicábanse a subtraer todos os efectos de valor e xoias que había nas vivendas. Nalgún dos casos recuperáronse tarxetas bancarias subtraídas coas que fixeran retiradas en efectivo en caixeiros e diferentes cargos en conta.
A Policía Nacional realizou un rexistro na vivenda que compartían os dous detidos en Vigo no que atoparon preto de 50 xoias, máis de 60 reloxos, numerosas tablets, teléfonos móbiles, diñeiro, máis de 2.000 euros en billetes. Ademais, a vítima da contorna de Santiago valorou en 30.000 euros os obxectos e diñeiro subtraídos. Todos estes obxectos están na Comisaría Provincial e figuran entre eles moitos que aínda non teñen propietario coñecido, pois aparentemente son de vítimas que aínda non denunciaron.
Ademais dos delitos de roubo, atribúenlle dous de estafa por usar a través de Internet as tarxetas roubadas e outros dous de lesións. Unha das vítimas tiña costelas rotas e outra apareceu ao día seguinte semiinconsciente ás portas do ascensor do seu edificio. Ademais, este último era coidador dunha persoa maior que ao non ser atendida debidamente por el dado que se atopaba inconsciente, caeu da cama e rompeu o fémur.