As temperaturas subirán lixeiramente nas Rías Baixas a partir deste martes 21
Por Redacción
Este luns, as Rías Baixas permanecerán nunha situación intermedia entre as altas e as baixas presións, cunha fronte cálida que se irá achegando polo litoral atlántico ao longo do día, segundo a información facilitada polo servizo de Meteogalicia. Durante esta xornada é posible algunha choiva débil na franxa atlántica e as temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso, establecéndose entre os 9 e os 19 graos, con ventos que soprarán frouxos de dirección variable.
Este martes 21, Galicia verase afectada polas altas presións, coa chegada de aire cálido a través do sur da provincia. Agárdanse ceos que alternarán nubes e claros con temperaturas que volverán experimentar un lixeiro ascenso para situarse entre os 9 e os 22 graos. O vento soprará frouxo do nordés.
Durante o mércores manteranse as altas presións, cunha xornada con ceos pouco nubrados ou despexados en xeral, coa entrada de nubes baixas polo litoral atlántico ao final do día. As temperaturas situaranse entre os 11 e os 23 graos con vento que comezará moi frouxo de compoñente leste e finalizará o día virando a frouxo do oeste.
A partir do xoves espéranse xornadas de alternancia de períodos de ceos con nubes e claros con outros despexados. As temperaturas continuarán na mesma liña do inicio da semana, sendo as normais para esta época do ano.