Poio abrirá un novo vial na Caeira, entre as rúas Río Umia e Río Sil
Por Redacción
O Concello de Poio investirá 134.085 euros nunha actuación que permitirá mellorar a mobilidade no barrio da Caeira. Trátase da apertura dun novo vial que unirá as rúas Río Umia e Rio Sil, segundo informou o goberno municipal.
O proxecto foi informado favorablemente na pasada comisión de Urbanismo e sairá a licitación nos próximos días.
A nova rúa discorrerá por terreos cualificados como solo urbano consolidado, segundo o PXOM vixente en Poio. É unha zona na que hai fundamentalmente vivendas unifamiliares e parcelas pendentes de edificar.
A maioría das vías que existen na zona teñen un sentido único de circulación con zona de aparcamento nunha marxe e beirarrúas a ambos lados, a excepción dun tramo da rúa Río Sil que ten dobre sentido de circulación.
Con esta nova rúa, a maioría da rúa Río Sil pasaría a ter sentido único, ampliándose así o ancho do carril de circulación e realizando os aparcamentos nunha marxe.
O resultado final terá como característica principal a formación dun carril de circulación cunha anchura de 3,5 metros, aparcamento en liña de 2,5 metros de ancho na marxe dereita en sentido ascendente, beirarrúa de 2 metros de ancho na marxe esquerda en sentido ascendente e senda peonil na marxe dereita en sentido ascendente.
Ademais, a obra permitirá a instalación dos servizos de saneamento, pluviais e abastecemento e deixaranse tubaxes para subministro eléctrico e telecomunicacións. Tamén se realizará a instalación de alumeado público en toda a zona.