Nove empresas interesadas en executar a mellora da depuradora dos Praceres
Por Redacción
A Xunta de Galicia recibiu un total de nove ofertas de empresas interesadas no contrato para executar as obras de mellora da estación depuradora de augas residuais de Praceres. A actuación conta cun orzamento superior aos 16.5 millóns de euros.
As obras, segundo o goberno galego, permitirán mellorar a curto prazo a depuración das augas residuais dos concellos de Pontevedra, Marín, Poio e Vilaboa e cumprir os límites de vertido marcados pola normativa europea.
O contrato conta cun prazo de tres meses para a redacción do proxecto e doce para a súa execución, ademais dun período doutros doce meses para a posta en marcha dos novos tratamentos.
A intervención contempla a remodelación do tratamento secundario existente, co fin de garantir a correcta depuración de ata 900 litros por segundo de auga residual.
A solución proxectada consistirá na modificación do reactor biolóxico existente para dispoñer dun tratamento de leito móbil e unha posterior clarificación das augas mediante un proceso físico-químico con lastrado por microarea.
Ademais, ampliarase a liña de fango para ter en conta as novas achegas e realizaranse unha serie de actuacións previas para manter o funcionamento da depuradora durante as obras.
Os traballos poden subdividirse en cinco categorías: as actuacións previas, a conversión dos reactores biolóxicos a leito móbil, a implantación dunha etapa de clarificación das augas depuradas, a reforma do edificio de control e a da liña de tratamento de fangos secundarios.
Esta actuación completarase coa construción dun novo emisario submarino, cuxa execución se prevé iniciar tamén este ano. Ambas forman parte do plan de saneamento local da ría de Pontevedra, que inclúe ademais a necesidade de mellorar as redes de saneamento municipais polas que se producen infiltracións indebidas.
Relacionadas:
-
Bará: "Praceres non pode ser o funil polo que pase a merda de catro concellos"
Por Alejandro Espiño |
-
Aprobado o anteproxecto do novo emisario submarino da EDAR dos Praceres
Por Redacción |
-
A I Marcha da Dignidade de Lourizán esixe á Xunta que paralice a ampliación da depuradora
Por Redacción & Diego Torrado |
-
A Plataforma de Lourizán repudia o concurso de mellora da depuradora por falar da "necesidade de ampliación"
Por Redacción |
-
O Consello da Xunta autoriza a licitación das obras de mellora da depuradora de Praceres con 16,5 millóns
Por Redacción |