Chegan a Pontevedra os delitos por submisión química: dous detidos por drogar catro víctimas e roubarlles
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Policía Nacional detivo dous homes aos que atribúe catro roubos con intimidación que supostamente perpetraron tras subministrar ás súas vítimas benzodiacepinas. Trátase dos coñecidos como casos de 'submisión química', pois lograron cometer o delito conseguindo que as súas vítimas foran submisas pola substancia que lle administraron.
O caso coordínao un xulgado de Vigo, pero a principal intervención realizárona os axentes da Policía Nacional de Pontevedra, que detiveron aos dous individuos. Ademais, dous dos catro roubos producíronse en Pontevedra, un en Vigo e outro en Santiago de Compostela.
Segundo a información facilitada pola Policía Nacional, os dous individuos utilizaron o mesmo modus operandi en todos os casos. Un deles contactaba coas súas vítimas a través de coñecidas aplicacións de contactos e, tras gañarse a súa confianza, concertaba unha cita.
A cita producíase nalgún bar da cidade e alí, nunha das consumicións, dáballe a substancia tóxica, benzodiacepina. Unha vez que a vítima se atopaba submisa debido ás substancias, entraba en xogo o outro detido, que se atopaba nas proximidades do bar. Cando o seu compañeiro o chamaba, dirixíase ao lugar para axudarlle a subir á vítima ao domicilio.
Unha vez no interior dos domicilios, e coa vítima totalmente sometida, os dous detidos dedicábanse a subtraer todos os efectos de valor e xoias que había nas vivendas. Nalgún dos casos recuperáronse tarxetas bancarias subtraídas coas que fixeran retiradas en efectivo en caixeiros e diferentes cargos en conta.
Unha das vítimas tiña costelas rotas e outra apareceu ao día seguinte semiinconsciente ás portas do ascensor do seu edificio. Ademais, unha das vítimas era coidador dunha persoa maior que ao non ser atendida debidamente por el dado que se atopaba inconsciente, o ancián caeu da cama e rompeu o fémur.
Un dos detidos, o que concertaba as citas, é natural de Colombia e a Policía Nacional incooulle o correspondente expediente de expulsión por atoparse en situación irregular en España. O outro ten nacionalidade española e ambos teñen 42 anos.
A investigación foi levada a cabo por axentes da Brigada Provincial de Policía Xudicial, Brigada de Seguridade Cidadá e Brigada de Policía Científica de Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela. Os axentes realizaron un rexistro no domicilio que compartían e recuperaron múltiples xoias subtraídas e diferentes obxectos electrónicos. Están todos expostos na Comisaría Provincial da rúa Joaquín Costa de Pontevedra, onde as posibles vítimas poden recoñecelos.
Os dous detidos serán postos a disposición xudicial como autores de catro delitos de roubo con intimidación por submisión química e un de lesións. Tras declarar no xulgado, decretouse o seu ingreso en prisión provisional.