O Media Maratón pechará o entorno do casco histórico entre as 9.30 e as 13.30
Por Redacción
O Media Maratón Cidade de Pontevedra comeza este domingo ás 10.30, pero todas as rúas do percorrido, que circundan o casco histórico, permanecerán pechadas ao tráfico a partir das 9.30 horas. A circulación irase abrindo a medida que remate a proba, pero a previsión é que permanezan pechadas ata as 13.30 horas.
A coincidencia da proba a coa xornada electoral dificultará o acceso en coche a sete colexios electorais do centro entre as 9.30 e as 13.30 horas deste domingo. A Policía Local porá en marcha un dispositivo que permitirá, de todas maneiras, o acceso en vehículo de persoas con mobilidade reducida.
En concreto, aquelas persoas que por cuestións de saúde ou idade non poidan acudir a pé ao seu colexio electoral só teñen que poñerse en contacto coa Policía Local e seralle facilitado o acceso en coche. Tamén se garantirá o acceso de todos os vehículos necesiarios para cumprir cos servizos propios da xornada de comicios autonómicos.
Co gallo da proba deportiva, non poderán acceder con vehículo ás súas casas os residentes do interior do perímetro delimitado polas rúas Arcebispo Malvar, Condesa Pardo Bazán, Xeneral Martitegui, Riestra, Paseo de Cervantes, Augusto González Besada, Oliva, Rúa Real e Avenida de Bos Aires. Para saír da zona terán que facelo pola rúa Riestra e Augusto González Besada cara a Praza de Galicia.
Dende as 22.00 horas do sábado está prohibido o estacionamento en Xosé Malvar (entre a ponte dos Tirantes e a rúa A Seca), Iglesias Vilarelle (entre Taboada Nieto e Alcalde Hevia) e Pai Fernando Olmedo (entre Pai Gaite e a entrada ao Estadio da Xuventude).
Os cortes de tráfico afectan tamén aos veciños de Monteporreiro, xa que a proba chega ata a praia fluvial, obrigando a pechar ao tráfico toda a Avenida de Bos Aires entre Galera e o acceso a Monteporreiro. A saída do barrio farase pola rúa da Pomba cara á Avenida de Lugo ou a rúa da Seca. A proba obriga tamén ao peche total dos pontes de Os Tirantes, Santiago e O Burgo, de maneira que a saída da cidade cara ao norte se fará a través da ponte da Barca ou a AP-9.